Xunta e representantes do sector rubrican este acordo para reforzar Galicia como polo de innovación
O Clúster TIC Galicia participou hoxe na firma do novo Pacto Dixital entre a Xunta e representantes do sector tecnolóxico, nun acto celebrado no centro GaiásTech de Santiago de Compostela, que contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e o director da Amtega, Damián Rey.
Este acordo supón a actualización do Pacto Dixital subscrito en 2013 e establece un novo marco de colaboración con horizonte ata 2030, orientado a reforzar a colaboración público-privada para avanzar cara a un modelo de desenvolvemento tecnolóxico sostible, inclusivo e centrado nas persoas, impulsar unha economía dixital e consolidar Galicia como un territorio innovador e competitivo.
Ao pacto adheríronse algunhas das principais compañías do ecosistema TIC galego, como o Centro Avanzado de Tecnoloxía (ATC) de Accenture, Altia, Coremain, DXC Technology, Gradiant, IBM, Inetum, Izertis, Minsait, NTT DATA, Oesía Networks, R, Orange, Plexus Tech, SATEC, Telefónica, Televés, Vodafone, Oracle Ibérica e INEO.
Entre as súas principais liñas de actuación atópanse acelerar a capacitación dixital da cidadanía, impulsar novas oportunidades de negocio para o sector TIC galego, promover unha contorna dixital segura e inclusiva e favorecer a adopción de tecnoloxías innovadoras que contribúan ao desenvolvemento económico e social da comunidade.
Durante o evento, o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, destacou a importancia estratéxica deste pacto nun momento clave para o futuro tecnolóxico de Galicia, ás portas da aprobación do Plan Director da Industria das TIC.
Sinalou que a renovación do acordo “non pode ser máis oportuna e necesaria”, especialmente para o sector das tecnoloxías da información, baseado no talento humano e con capacidade para competir en Europa.
O máximo responsable da entidade puxo en valor o papel da intelixencia artificial como un novo aliado para acelerar a transformación dixital. Neste sentido, afirmou que Galicia conta cunha oportunidade histórica: dispoñer do talento, as empresas e as capacidades necesarias "para ter a mellor administración dixital de Europa", apoiándose no potencial da IA open source.
Rodríguez del Corral subliñou tamén que "o Clúster TIC Galicia apoia firmemente este pacto" e lembrou as numerosas iniciativas impulsadas ou nas que colabora a entidade, aliñadas cos seus obxectivos, como os programas "Que non te líen, ti elixes", Tech Angels e Xuventude Mentoring, o Campus Dual TIC, a FP Dual Multiempresa, o Portelo único, o Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC ou o proxecto CORTEX, unha cooperativa de intelixencia artificial para modelos e computación aplicada ao desenvolvemento de software.
O pacto tamén recolle liñas de actuación relacionadas coa capacitación dixital da cidadanía, a formación, o impulso do talento tecnolóxico, a promoción de vocacións STEM entre as mulleres, a implantación de TI nos diferentes sectores produtivos, a identificación de retos e oportunidades ou a dinamización de espazos de colaboración.
Neste sentido, o presidente do Clúster, incidiu en que "o talento TIC é a base de calquera avance tecnolóxico" e defendeu seguir reforzando a formación, adaptándoa aos novos retos que expón a intelixencia artificial e conectándoa coas necesidades das empresas a través de microcredenciales.
Sinalou, ademais, a necesidade de aproveitar ao máximo as novas infraestruturas dixitais que Europa está a financiar, como a futura factoría de intelixencia artificial do CESGA, que se situará no Biopolo de Sionlla, para convertelas en motores de crecemento económico para as empresas.
Comentarios