O Clúster TIC Galicia celebrou hoxe a xornada “Proxectos IA360: Desenvolvemento Tecnolóxico e Innovación con IA” na Cidade das TIC da Coruña, na que se deron a coñecer vinte proxectos de empresas galegas, socias da entidade, baseados en intelixencia artificial e desenvolvidos ao abeiro da convocatoria IA360 do Igape.
Trátase de solucións tecnolóxicas avanzadas, competitivas e con aplicación directa en ámbitos como a moda, a alimentación, a enerxía, a loxística, a ciberseguridade ou o sector agroalimentario. Estas propostas reflicten unha aposta clara pola intelixencia artificial como motor de mellora da produtividade, da eficiencia operativa e da calidade dos servizos, tanto en organismos públicos como privados.
Neste contexto, o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, destacou que “o programa IA360 demostra que as empresas galegas non só adoptan intelixencia artificial, senón que, cos apoios suficientes, teñen a capacidade e o talento precisos para desenvolver solucións reais que dean resposta a retos económicos, sociais ou corporativos”.
Esta convocatoria, cofinanciada con fondos europeos NextGenerationEU, está a permitir acelerar o deseño e a chegada ao mercado de tecnoloxías estratéxicas. “Estas vinte iniciativas son un exemplo do enorme potencial das nosas compañías para competir a nivel global desde o territorio, xerando coñecemento, emprego cualificado e valor engadido”, sinalou del Corral.
Exemplos de innovación
Entre as solucións atópase MapForest, de Avansig, unha ferramenta de análise avanzada de datos xeoespaciais que aplica IA para a xestión forestal sostible, mellorando a toma de decisións e o impacto ambiental no territorio. Cinfo presentou tiivii toolbox, unha plataforma orientada ao impulso da produtividade e á automatización de tarefas mediante técnicas avanzadas de intelixencia artificial, aportando maior seguridade e eficacia que outros modelos do mercado.
Deicom Technologies deu a coñecer RedIA, un sistema de análise de datos e IA aplicado á supervisión de redes de baixa tensión, que permite anticipar incidencias e optimizar o funcionamento das infraestruturas eléctricas. Pola súa banda, Emetel desenvolveu CYBERA, un asistente virtual baseado en IA para a xestión do coñecemento no Centro de Operacións de Ciberseguridade, perfeccionando a resposta ante incidentes e a eficiencia dos equipos técnicos.
Galvintec presentou MOODULAR IA, un módulo intelixente para optimizar os sistemas de picking en almacéns e centros de distribución, incrementando a precisión e reducindo tempos e custos loxísticos.
No ámbito da xestión da información, Ilux Visual Technologies amosou Mindforge, unha solución que vai máis alá do buscador intelixente tradicional, facilitando o acceso e xestión de recursos visuais en organizacións mediante a procura intelixente, o etiquetado automático e outras funcionalidades avanzadas.
Imatia Innovation desenvolveu IMPILOT, unha familia de copilotos de intelixencia artificial orientados á Administración Pública e aos servizos sociais, que facilitan o acceso da cidadanía á información pública e optimizan o traballo dos profesionais. Así mesmo, Imaxin presentou LYNX, unha nova xeración de chatbots RAG que permiten consultar contidos informativos e documentación pública dun xeito máis rápido, transparente e eficiente.
IN2AI apostou por unha solución centrada na seguridade e produtividade, combinando asistentes conversacionais con sistemas de monitorización da actividade para previr accesos non autorizados a datos sensibles. Plexus Tech deu a coñecer SORGIA, un sistema de axuda á toma de decisións complexas en contornas estáticas e dinámicas para minimizar custos e impulsar a eficiencia operativa en diferentes sectores.
Prefapp Cloud Consulting integrou un sistema conversacional baseado en modelos LLM e GitHub Copilot na súa plataforma firestartr.dev, alimentado co contexto e coas regras específicas de cada organización. Quobis presentou Smart Answer, unha solución que emprega un asistente virtual baseado en IA para responder chamadas entrantes de números descoñecidos, mellorando a eficiencia na atención ao usuario e reducindo a carga operativa en contornas onde se xestionan grandes volumes de consultas.
No ámbito da xeolocalización, Situm desenvolveu GAIA, un sistema de asistencia xeoespacial intelixente para optimizar operacións, mellorar experiencias e garantir a seguridade.
Sixtema mostrou LEVAD-360, unha solución de xestión empresarial que converte a información corporativa nun recurso estratéxico mediante técnicas de recuperación aumentada e intelixencia artificial. SREC Solutions presentou SINVAD, un estándar para o deseño de asistentes virtuais intelixentes interactivos, pensado para facilitar a súa implantación en diferentes sectores.
En materia de sustentabilidade, Tesla Technologies & Software desenvolveu INDICAGES, unha plataforma de IA para a xestión e certificación de indicadores de sustentabilidade, aliñada cos novos requirimentos normativos.
A colaboración entre Torusware e Vegalsa deu lugar a PROVIA, unha solución que optimiza, mediante IA, os procesos de provisión de servizos e produtos para a mellora operativa.
Torusware e Selmark uníronse para deseñar o “Plan Maestro Predictivo” (PMP), un sistema de planificación avanzada baseado en modelos preditivos que analiza a demanda, a popularidade dos produtos e a estacionalidade para optimizar a previsión da fábrica.
No sector agroalimentario, Triple Alpha presentou ALPHAchick, unha plataforma cloud que aplica intelixencia artificial á xestión integral e sostible de explotacións avícolas.
Visual Publinet, pola súa banda, deu a coñecer IA360 SEO Local, unha nova xeración de estratexias de posicionamento local baseadas en intelixencia artificial, orientadas a potenciar a visibilidade dixital dos negocios en directorios e buscadores.
Estes proxectos contribúen a posicionar Galicia no mapa da vangarda tecnolóxica e sitúan ao sector TIC como motor da innovación, reforzando o tecido empresarial galego. “A intelixencia artificial é unha realidade transversal na nosa economía, e estas solucións demostran que as empresas galegas están preparadas para liderar esta transformación desde aquí, con solucións útiles, éticas e sostibles”, subliñou del Corral.
Comments