A compañía vilagarciá Dos Espacios, especializada no sector TurisTech, xestionará a aceleradora de proxectos turísticos innovadores do Concello de Lugo, tras resultar adxudicataria do procedemento de licitación convocado polo goberno local. O CEO da empresa, Santiago Paz, participou na reunión de lanzamento do programa.
Dos Espacios foi a empresa seleccionada entre as seis propostas presentadas, cuxas ofertas técnicas foron avaliadas por un comité de expertos mixto, integrado por técnicos de diferentes departamentos municipais e da Universidade de Santiago de Compostela.
O programa de aceleración, denominado Turistalent 5.0, está impulsado pola Concellería de Dinamización Económica do Concello de Lugo e busca dinamizar o emprendemento nos sectores turístico e gastronómico mediante a formación, tutorización e mentorización de proxectos cun alto compoñente innovador.
A aceleradora desenvolverase durante 9 meses, nos que os proxectos participantes recibirán formación especializada, asesoramento técnico e apoio na procura de financiamento.
O equipo de Dos Espacios posúe unha ampla experiencia neste ámbito: realizou o deseño integral da primeira aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia, Turislab, que ademais xestionou durante os seus dúas primeiras edicións con gran éxito de participación e resultados.
Con sede central en Vilagarcía de Arousa e delegacións en Santiago de Compostela e Madrid, Dos Espacios ten unha ampla experiencia na prestación de servizos especializados en consultoría turística e tecnoloxía aplicada a este sector: elaboración de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, diagnóstico e plan de acción en Destinos Turísticos Intelixentes (DTI), xestión do dato turístico e sistemas de predición, posta en valor de recursos turísticos (realidade aumentada, virtual e metaverso) promoción de destinos nacionais e internacionais, identificación de novas oportunidades de negocio, deseño, e creación e organización de produto turístico, entre outros eixos de actuación.
Comments