A Consellería de Economía e Industria e o Clúster TIC Galicia reúnen ás empresas do sector para incorporar as súas achegas ao Plan Director da Industria das TIC

Silvia Camesella,

A Consellería de Economía e Industria e o Clúster TIC Galicia reúnen ás empresas do sector para incorporar as súas achegas ao Plan Director da Industria das TIC


  • O  evento, aberto a todas as compañías do ámbito tecnolóxico, terá lugar hoxe, 4  de xuño, na Cidade das TIC 
  • Este  instrumento consensuado busca situar a esta industria como estratéxica para a  comunidade

A Consellería de Economía e Industria e o Clúster TIC Galicia celebran hoxe, 4 de xuño, na Cidade das TIC un encontro entre empresas do sector tecnolóxico arredor do Plan Director da Industria das TIC. A xornada de traballo está aberta a todas as compañías que queiran realizar as súas achegas ao documento.

O obxectivo é coñecer as súas opinións e inquedanzas respecto deste documento, que está a elaborar a Consellería de Economía e Industria, en colaboración co Clúster TIC Galicia. Este instrumento consensuado incluirá as medidas necesarias para fortalecer o sector, incrementar a súa competitividade, promover a súa internacionalización, impulsar a innovación industrial e estimular a captación de investimento.

O Consello da Xunta de Galicia declarou estratéxico o sector da industria das TIC, xunto con sectores entre os que se atopan a automoción, a construción naval, o téxtil, ou o alimentario, entre outros; co fin de desenvolver unha estratexia de política industrial dirixida a facilitar o proceso de transformación das industrias galegas, impulsar as oportunidades asociadas á evolución tecnolóxica, co obxectivo último de impulsar a actividade industrial de Galicia, incrementar a súa competitividade e xerar emprego de calidade.

A xornada contará coa presenza de Nicolás Vázquez Iglesias, secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, e con Margarita Ardao Rodríguez, directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, e organizarase ao redor de dúas mesas de traballo.

Primeiro celebraranse as Mesas Transversais, que se dividirán entre Grandes Empresas TIC e Pemes TIC; e posteriormente, terán lugar as Mesas Temáticas, nas que os asistentes poderán escoller onde participar segundo a temática estratéxica que mellor se adapte aos seus intereses: Talento, Innovación e Dixitalización, Internacionalización ou Emprendemento.

As aportacións das firmas participantes valoraranse para a súa posterior incorporación ao Plan Director da Industria das TIC, marco de referencia das futuras liñas de desenvolvemento tecnolóxico en Galicia, que marcarán a nova estratexia de financiamento para o crecemento do sector.

No transcurso do encontro, a consultora Zabala ofrecerá o relatorio «Marco Europeo: Programa Digital Europe e Ciberseguridade», e a xornada culminará coa celebración da Asemblea Xeral do Clúster TIC.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies