Inverbis lanza a primeira ferramenta que permite comparar a execución de procesos entre centros hospitalarios

Silvia Camesella,

Inverbis lanza a primeira ferramenta que permite comparar a execución de procesos entre centros hospitalarios


  • SALUSBENCH permite aos hospitais mellorar oseu rendemento sen compartir información sensible

A empresa galega de innovación tecnolóxica Inverbis presenta SALUSBENCH, unha solución orientada a optimizar a eficiencia de hospitais, laboratorios e centros asistenciais mediante a análise comparativa de procesos, sen expoñer información sensible. Esta ferramenta, aliñada coa estratexia europea de espazos de datos, implementarase inicialmente no demostrador multisectorial xestionado polo CESGA, situando Galicia como referente en dixitalización sanitaria avanzada.

SALUSBENCH permite aos centros sanitarios avaliar de maneira continua e obxectiva o seu rendemento clínico e organizativo. A través da aplicación de intelixencia artificial e técnicas de minería de procesos, transforma rexistros reais en métricas claras que facilitan a detección de atrancos, incumprimentos de protocolos e oportunidades de mellora en tempo real, nun contorno ético, interoperable e seguro.

A solución emprega estándares internacionais de datos específicos do ámbito da saúde e aplica sólidos mecanismos de gobernanza para garantir a soberanía dos datos, permitindo aos centros comparar os seus resultados con organizacións equivalentes sen comprometer nin a identidade institucional nin a dos pacientes. Deste xeito, indicadores clave como o tempo entre diagnóstico e tratamento, a duración das actividades clínicas, a repetición de tarefas, o cumprimento dos protocolos ou a xestión de colas en urxencias e quirófanos poden analizarse e compararse automaticamente de forma segura.

A posta en marcha de SALUSBENCH no demostrador DATAlife xestionado polo CESGA representa un primeiro paso, coa vista posta na súa conexión con outros espazos de datos europeos no futuro. O servizo, de carácter modular e dispoñible por subscrición, incorpora modelos de compensación para as entidades que contribúan con información e poderá estenderse a outros ámbitos asistenciais, como as residencias de maiores.

SALUSBENCH cumpre cos principios FAIR (Atopable, Accesible, Interoperable, Reutilizable) e coa normativa europea de protección de datos (RGPD), reforzando o compromiso coa dixitalización ética e a sustentabilidade. Ademais, Inverbis aplica políticas de igualdade e tecnoloxías de baixo impacto ambiental en todas as súas operacións.

Este proxecto foi financiado polo Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Sobre Inverbis

Inverbis é unha empresa galega de innovación tecnolóxica especializada en solucións de minería de procesos, que permite ás organizacións visualizar e analizar os seus procesos reais a partir de datos obxectivos. Grazas á súa tecnoloxía intuitiva e funcional, apoia a institucións e empresas na identificación de ineficiencias e na toma de decisións baseadas en feitos. Inverbis conta actualmente con socios estratéxicos en España e Portugal, e continúa a súa expansión nos mercados europeos.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies