A cidade herculina será a sede de XSCALE A Coruña, a primeira iniciativa de inmersión e soft landing de Galicia para conectar o ecosistema empresarial e tecnolóxico galego con scaleups internacionais de alto potencial que queren entrar no mercado europeo desde o noso territorio.
Organizada pola Oficina de Promoción Tecnolóxico Industrial e na que colabora o Clúster TIC Galicia, celebrarase do 26 ao 28 de outubro no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC.
O evento central do encontro terá lugar o luns 26 de outubro co «Meet the Scaleups», onde as 16 empresas gacela seleccionadas presentarán os seus proxectos ás compañías e investidores presentes nesta primeira xornada. Procedentes de diferentes países de Europa, América e África, estas scaleups veñen de pasar un rigoroso proceso de captación e avaliación a nivel global.
As empresas candidatas son: Global Biorefineries, de Perú; Norad, de EE. UU.; VR In Situ, de EE. UU./Venezuela; Sealead, de Brasil; Recraft, de Francia/España; PHLO, de Reino Unido; Nexo, do Salvador/EE. UU.; Vértice, de Chile; Merlin, de Arxentina; Suncast, de Chile; Betacode, do Salvador; Sistica, de Colombia; Tryb Loyalty, de Marrocos/España; HealthWallet.me, de Romanía; Nedpark Algerie, de Arxelia/Francia; e Chucaw, de Chile.
Trátase de proxectos vinculados aos sectores da intelixencia artificial aplicada e axéntica, ciberseguridade, tecnoloxías inmersivas (XR/VR), eSaúde, biotecnoloxía, enerxías renovables, ConTech, Industria 5.0, agritech ou economía circular.
O investimento total previsto para o seu escalado é de 6,77 M€ e estímase que poderían crear ata 95 postos de traballo na área da Coruña. Teñen tracción comprobada no seu mercado de orixe e algunhas están inmersas en rodas de investimento.
O martes 27 de outubro celebrarase o Invest in A Coruña Forum e o 28, realizaranse visitas aos principais centros de investigación e tecnolóxicos galegos.
Se formas parte do ecosistema tecnolóxico galego e queres participar e identificar con antelación os proxectos que máis che interesen, podes consultar o dossier executivo coas fichas de cada scaleup. Aquí podes acceder a cuestións como a proposta de valor, a tracción, o investimento previsto e as necesidades de escalado.
As prazas son limitadas e a inscrición, de carácter gratuíto, pode realizarse dende este formulario: https://tally.so/r/xXeNrE
Comments