Froito do consenso entre Administración, empresas e outros axentes, é o primeiro instrumento destas características aprobado en Galicia
Consolida o peso estratéxico do sector no territorio e busca impulsar a súa competitividade, innovación e internacionalización
Posiciona ao Clúster TIC Galicia como referente para vertebrar os intereses das compañías tecnolóxicas
A Consellería de Economía e Industria presentou hoxe o Plan Director da Industria das TIC para o período 2026-2028, no marco da Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria do Clúster TIC Galicia, celebrada no Hotel Monumento Santo Francisco de Santiago de Compostela.
A aprobación deste documento “supón un fito para o ecosistema tecnolóxico galego, xa que se trata do primeiro plan director específico do sector”, expresou o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral. Esta folla de ruta compartida, que mobilizará 61,8 millóns de euros e contempla 77 medidas, supón “un recoñecemento á industria TIC galega como motor económico e peza fundamental para a transformación de todos os sectores”, sinalou.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou a “tendencia ascendente” experimentada polo sector dende 2020, cun crecemento do 21%. “Actualmente, 23.467 persoas traballan nas máis de 3.100 empresas tecnolóxicas que hai en Galicia, o que supón 4.000 ocupados máis que hai seis anos. Este dinamismo debía ter reflexo nun plan á altura”, afirmou.
Este instrumento confirma o papel estratéxico do sector por parte da Xunta pola súa capacidade para xerar valor, promover a innovación e competitividade do tecido produtivo, a creación de emprego cualificado e a contribución ao desenvolvemento económico, industrial e social da comunidade.
Froito do traballo conxunto entre Xunta e Clúster TIC Galicia, o Plan Director recolle as necesidades, prioridades e oportunidades identificadas por empresas, centros tecnolóxicos e de investigación, así como polo conxunto de actores que integran a cadea de valor do sector.
O documento sitúa ao Clúster TIC Galicia como axente clave para vertebrar o ecosistema tecnolóxico, fomentando a colaboración no desenvolvemento e implantación de tecnoloxías dixitais, a internacionalización do sector e a transferencia de innovación.
Neste sentido, a entidade xa está a traballar nun portelo único entre a oferta e a demanda tecnolóxica, favorecendo a xeración de sinerxías entre todos os actores do ecosistema. A través desta canle, poranse en marcha iniciativas que propicien o intercambio de ideas, negocio e tecnoloxía con carácter intersectorial e interclústeres.
Así mesmo, contémplase a creación dun xemelgo dixital do sector TIC que permita monitorizar en tempo real a súa evolución e crecemento, xerando información estratéxica para a toma de decisións e o deseño de políticas públicas.
Principais liñas de actuación
O Plan Director parte da necesidade de reforzar unha cadea de valor tecnolóxica propia, adaptada aos retos actuais da economía dixital. Nas súas páxinas, establece 6 eixos de actuación e 8 ámbitos de prioridades para os próximos dous anos, incorporando unha visión a longo prazo aliñada coas grandes tendencias tecnolóxicas e económicas ata 2030.
Entre as súas prioridades destaca a consolidación da proxección exterior das empresas tecnolóxicas galegas, o posicionamento de Galicia como referente da industria TIC verde, impulsar novas alianzas internacionais e avanzar cara a un modelo baseado na sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a innovación sostible.
Este instrumento aposta tamén por fortalecer o tecido empresarial tecnolóxico mediante o impulso da innovación, a investigación aplicada e a creación de produtos propios replicables e exportables, baseados en IA e outras tecnoloxías emerxentes. Inclúe medidas para favorecer a escalabilidade e internacionalización, apoio ao emprendemento, a consolidación de startups e a atracción de investimento.
O documento incorpora actuacións dirixidas a fortalecer a capacitación profesional para adecualo ás necesidades das empresas coas novas tecnoloxías emerxentes, captación para disciplinas STEM e retención de perfís valiosos, ademais de medidas para favorecer a igualdade no sector.
Por outra banda, ten como obxectivo reforzar as infraestruturas necesarias para o crecemento do ecosistema. Neste sentido, contempla “alcanzar, de forma prioritaria, a culminación do proxecto da Cidade das TIC, sen esquecer a súa conexión e despregamento de accións en nodos territoriais nas catro provincias galegas”.
Busca, ademais, impulsar capacidades tecnolóxicas avanzadas que permitan situar Galicia como referente en tecnoloxías emerxentes, incorporando iniciativas estratéxicas no ámbito dos semiconductores e chips, así como centros de datos, tecnoloxías cuánticas ou factorías de IA.
A dixitalización do sector industrial galego mediante a aplicación de solucións avanzadas, compartidas, interoperables e baseadas en estándares comúns tamén é unha obxectivo clave. Neste ámbito, o plan recoñece o papel tractor do Clúster TIC Galicia na dinamización destas plataformas, actuando como ponte entre empresas, provedores tecnolóxicos e centros de coñecemento.
Esta estratexia expón un modelo de coordinación máis eficiente entre as políticas públicas e as estratexias privadas para fortalecer o ecosistema. Contempla, ademais, mecanismos de seguimento e avaliación con carácter anual, que permitirán adaptar as actuacións á evolución tecnolóxica e económica, converténdoa nunha ferramenta activa de política industrial.
Construído desde o consenso
A elaboración do documento seguiu un enfoque participativo baseado na colaboración entre Administración, empresas e centros de coñecemento, co obxectivo de que as medidas respondan ás necesidades específicas do sector.
Con esta iniciativa, o Clúster TIC Galicia e a Xunta reforzan o seu compromiso cun ecosistema tecnolóxico máis sólido, innovador e competitivo, capaz de xerar valor engadido e contribuír ao futuro económico e social do territorio.
Comments